|
Xosefa Casalderrey Fraga (Fina Casalderrey) naceu no lugar de Pilarteiros, parroquia de Santo André de Xeve (Pontevedra), en agosto de 1951. Cando contaba cun ano de vida, o 14 de setembro de 1952, asistiu a un importante acontecemento do que só ten memoria por boca dos seus proxenitores -un mecánico e unha costureira, daquela aínda moi novos-: gozou do privilexio de asistir á súa voda e ser testemuña directa dunha fermosa historia de amor. Deseguido foron vivir ao lugar do Castelo, ao abeiro do San Benitiño de Lérez e moi preto de onde no medievo se erguía a fortaleza de Cedofeita. O ambiente rural dos seus primeiros anos e as historias que lle narraba seu pai contribuíron en modelar a súa escola do fantástico. E en Lérez, no lugar do Cruceiro, segue a vivir na actualidade.
|